1 jul 2012

NACIONALGALEGUISMO, ¿CONTRADISCURSO TRANSVERSAL OU MÁIS DO MESMO CONTADO DOUTRO XEITO?


 
Un, que ten alma rural e residencia urbanita, a miúdo recorda a un patriarca de pobo -deses que, con excesiva frecuencia, intelectuais, políticos e columnistas desprezan porque levan sombreiro de palla enriba da boina e non teñen nin ganas nin parede que desexe lucir a Orla con barrete-. Podería, ¿por que non?, chamarse Pepe e talvez tería un alcume que o proxectaba trasversalmente, en horizontal e vertical, a través do tempo.

Si, un recórdao porque llo merece, porque ninguén mellor ca el soubo facerme entender a forma e o fondo do espírito dunha Identidade, a Galega, que tamén é transversal, horizontal e verticalmente, e á que os anos, contados por séculos e milenios, converteron en erudita a pesar dos pesares e das innumerables domas e castracións -sociais, económicas, políticas, idiomáticas, culturais, etc., etc.- ás que se viu sometida dende que a meseta é España e o resto existimos por pura casualidade ou accidente.

Pepe, que tiña moito de insumiso e pouco de obediente, repetía sempre que antes de poñerse a inventar solucións ás necesidades, individuais ou colectivas, había que asegurarse de que non existían porque, pola contra, o innovador non ía moito máis alá de repetir o vello con palabras novas. Cada campá ten un son, ás veces con cambiar o badalo e o sancristán pode parecer que a parroquia ten campá nova... pero é a de sempre e non creo que os fregueses e freguesas escépticos volvan participar de rituais e liturxias polo mero feito de que a campá soe algo diferente... mesmo os curas oficiantesnon son excesivamente importantes, salvo en aspectos de aconsellable renovación estética que achegue a imaxinaría necesaria para unha mellor visualización da nova ética. A clave empeza no misal, medra cos Evanxeos de referencia ideolóxica e acada o seu máximo esplendor cando é capaz de transformarse en métodos eficaces e sostibles que, sen présas excesivas pero sen pausas eternas, convertan no máis parecido a un paraíso o inferno que estamos a vivir.

Se cambias a linguaxe pero o fondo permanece conseguirás un remake hollywoodiense con aspiracións, unha película de tempada con pretensións de grandeza que corre o risco de sentar tanta cátedra como as de Pajares e Esteso perseguindo louras nórdicas en Torremolinos. Pero o vodevil político é un xénero aprezado, ainda que xa só recruta adeptos entre a minoría que acode ás urnas; que se reparte sempre aos que votan e nunca ao electorado, creando así unha democracia representativa endogámica e excluínte que fomenta a exclusión electoral e o escepticismo cidadán.

Por iso a responsabilidade de propoñer innovadores proxectos políticos é algo máis que facer de pinchadiscos discotequero e propoñer "mixeaos" de Rumba nacionalista, Bachata liberal, Tango ou Bolero galeguista, Mambo independente, Son centrista, Godspell conservador, Country Folk cultureta,New Ageecoloxista, Heavy Punk independentista reacomodado discursivamente como soberanismo cívico e ducias de estilos independentes interpretados pola banda de música municipal. Iso, como moito e digan o que digan, está máis preto do ruído que da música...

Permitídeme que dubide... ¡que dubide moito!... ¡que dubide sen dúbidas!; que respecte enormemente o esforzo, a intención, a ousadía, a vontade e a dedicación dos que tiran do carro pero que sexa escéptico a rabiar co Nacionalgaleguismo voluntarioso do discurso transversal. E é que sigo sen ver outra cousa que máis do mesmo contado doutro xeito; ogallá a solución sexa tan simple como poñerme lentes, porque a Galicia Identitaria -aquela na que sempre cremos os Pangaleguistas, esa que vai máis alá do territorio Ibérico, Portugués e Español, da nosa nación- necesita unha campá nova e inmaculada, forxada con bronce non reciclado, con curas e acólitos que non se presenten diante da cidadanía como conversos á nova fe, con Misal e Evanxeos que dimensionar o impacto e non caian no corpiño do dogmático, cun futuro que non necesite abrazarse sempre e obsesivamente ao pasado porque padece dun xigantesco complexo de inferioridade intelectual e política...

Ogallá sexa posible... como cidadán o desexo con todas as miñas forzas ainda que, cada día ao erguerme da cama, a única percepción que teño é a de sentirme atrapado en terra de ninguén... por una beira, os exércitos do poder establecido, a banca, a coroa, as orgaizacións empresariais nas que só teñen voz os que facturan enormes sumas de diñeiro, uns sindicatos acomodados e domados a cambio dun prato de lentellas, un poder Xudicial corporativista e ineficaz para calquera cousa que non sexa distribuír inxustizas... a outra, unha masa voluntarista e con boas intencións "Esperando a Godot"sen mensaxe común definido -e, polo tanto, con proxección política máis virtual que real-, un millón de voces que expresan indignación dun millón de xeitos distintos e ofrecen un millón de fórmulas máxicas superlativas e incompatibles, algo que quere ser movemento cidadán pero que empeza e remata manifestándose nas horas libres e nos días festivos, unha revolución virtual cuxo maior poder e tamén debilidade é depender da tecnoloxía e estar ameazada polo esgotamento das pilas do teléfono móbil ou o PC portátil, unha marea cuxa única alternativa obxectiva é seguir sendo marea ata que se obre unha milagre social, política e económica, que apadriñe un amañecer novo aínda que ninguén saiba como debe ser nin sequera se vai producirse...

Por iso, por favor e porque máis que nunca a Galicia territorial e identitariao necesita, deixade de recorrer a eses rolos de galeguismo político esoberanismo cívico que é posible que vistan moito pero ispen aínda máis do que á primeira vista parece; utilizade termos novos, inmaculados, que reflictan a realidade presente e alimenten a esperanza de que, unha vez máis, os cidadáns non imos ter que soportar a cantata e fuga electoral dun coro de conversos ao Nacionalgaleguismotransversal que van ensinarnos a todos o que é e representa Galicia e as infalibles fórmulas de gobernar máis e mellor se é que se dan as condicións de que, acudindo fragmentados e desprezando a concentración do voto, o insoportable P.P. de Nuñez Feijoo perda a maioría.

© Xabier González, 2012


Twitter: @xabiergzalez